venres, 29 de decembro de 2017

Taller Aberto 2017, sobre o acontecido II PARTE


Ser conscientes, responsables, líderes, tomar decisións, colaborar coas/cos compañeirxs ... sentirse importantes polo seu traballo e capacidades. Moita maxia. E moito traballo previo de preparación do alumnado: múltiples detalles e tarefas.



O venres estivemos organizando o espazo durante toda a mañá e aínda nos quedaron detalles para o venres pola tarde e sábado. Dar as gracias a Sementa, centro de jardineria, que nos cedeu plantas para a decoración, sempre están atentas a nós.






 A nosa expo con diversos traballos, cartelas, explicacións sobre alguns deles... visitas guiadas polxs artistas.




Todo o proceso de elaboración das cacas do Proxecto KK , bosquexos previos, modelado en barro, moldes, reproducións en papel... e Manzoni vixiante :) 





Pola tarde o máis novo alumnado ofreceu un máxico taller de Monstros, moi recomendable e que volvemos repetir ao longo do sábado. Un dos rapaces de seis anos lle contaba a un amigo: “Vou ser profe esta tarde” e o amigo contestaba: “Non! Eso non é posible! Es moi novo para ser profe” :)

Estamos dispostxs a repetir o Taller de Monstros en calquera momento se gustades probar :)





 No exterior demos forma á instalacion desenhada por Tania e realizada coa colaboración de Paula, Dani, Carlota, Xoel, Martín e Mónica






Os mellores desexos para o ano que está a punto de empezar; dende o tallerdepolo para vós que nos seguides, para amigxs e alumnado e, por suposto, os mellores desexos para a Humanidade toda, para que floreza en todas as
súas capacidades/dimensions ... para que nos permita ser o mellor posibles: seres humanos xustos e dignos



xoves, 28 de decembro de 2017

Taller Aberto 2017, sobre o acontecido I PARTE


Pois este ano tivemos un Taller Aberto ben especial! 
 
Moitas gracias polas visitas, polo ánimo e complicidade no estímulo desta canteira de artistas e persoas que son parte do noso futuro. Este 2017 o Taller Aberto consistiu no desenvolvemento por parte de alumnxs de cinco a dezanove anos de todo o evento: unha exposición dos seus traballos xunto coa oferta dun par de obradoiros abertos e tódalas tarefas a realizar, previas e durante ese par de días. Xunto coa implicación de adultos que xs acompañaran e motivaran nun cambio de roles e no asumir novas responsabilidades. 




       preparando detalles, decoración, alfombra de benvida...






 

Entre todo o alumnado mais novo organizaron o espazo, a selección de obras, exposición, deseñaron imaxes para o evento, invitacións para vós, limparon, decoraron, guiaron e explicaron os seus traballos, montaron unha instalación previamente deseñada por Tania(no exterior do taller), mercaron materiais, ofrecéronvos un taller de Monstros súper-divertido... e, en definitiva: apropiáronse do taller durante dous días intensos. 



preparando detalles como os aperitivos, a decoración floral, parede de caixas, luces, fanzines, ...

Preparación da instalación desenho de Tania, realizada en grupo no exterior do taller...






proxecto-bosquexo de Tania; instalacion artistica intervindo un espazo exterior cercano ao taller 
"volando con la Navidad"



na seguinte entrada no blog contaremos un pouco mais destes dous dias de festa, subiremos imaxes do taller de Monstros, da expo .... 

martes, 26 de decembro de 2017

Imaxina un libro, na Fundacion L Seoane


No marco da III Eira das Artes realizamos un obradoiro aberto a participantes de todas as idades titulado, Imaxina un libro : en relación á exposición Como se imprime un libro que aínda podedes visitar na Fundación L. Seoane ata o 1 de abril do 2018.
Propuxémonos facer unha biblioteca chea deses libros cos que soñades, que aínda están por concretar e deseñar ... e penso que quedou unha boa selección :) 






 




 http://www.fundacionluisseoane.gal/fundacionls/es/exposiciones

 http://www.fundacionluisseoane.gal/fundacionls/es/exposiciones

 


xoves, 14 de decembro de 2017

Taller Aberto 2017, da man do alumnado mais novo.


Un novo ano de Taller Aberto, desta volta é obra do alumnado mais novo do tallerdepolo. A mocidade do taller mostra e selecciona as súas obras, deseña a exposición e convídavos a coñecelos, compartir obradoiros e charla sobre arte.

O venres 22 inauguramos exposición as 17:00 horas, ás 17;30 horas o grupo mais novo de artistas ofrécevos un Taller de Monstros (reservade praza), e o sábado 23 ofrecémosvos outro obradoiro (as 12: 00 horas mais info e reserva de prazas tallerdepolo@hotmail.com).


O Taller Aberto é o momento de abrir o espazo de traballo ao barrio, a Os Castros. Ofrecer unha Exposición e a oportunidade de conversar e compartir sobre diferentes experiencias creativas, nesta ocasión escoitar aos mais novxs creadores e imaxinadores. Se o ano pasado falabamos dende a mirada da Muller artista e mestra, agora toca mirar dende o outro lado do fío condutor desa relación de aprendizaxe mutua. Dar voz e dar un espazo de coñecemento e reflexión alternativo ao ocio mais masivo e popular, ofrecéndolles aos mais novxs alicerces sólidos, profundos que os acompañen na viaxe que están a empezar.
Dende a complicidade do mesmo alumnado, das súas familias e da rede de amigas e amigos do tallerdepolo cómplices nas aventuras que compartimos cada ano, coa mellor das intencións e motivacións seguimos a construír; soñando cun mundo mais xusto e mellor para todas as persoas que o habitamos. 






 

domingo, 10 de decembro de 2017

Próximos talleres na cidade:apúntate!



Aberta a  inscripcion para participar no obradoiro gratuito Imaxinar un libro , que terá lugar na próxima Eira das Artes, na Fundación Luis Seoane. Deseñamos esta proposta en relación á exposición Como se imprime un libro : un taller no que poden participar persoas de tódalas idades (menores de 6 anos acompañados de adulto) e no que crearemos unha biblioteca súper persoal á medida dos nosos soños, como non! Trae roupa que poidas manchar e ganas de pensar, deseñar e pintar.
Podes inscribirte no correo acontorna@gmail.com  










Quérovos lembrar que a partir de mañá luns se abre o prazo para a inscrición no taller GYOTAKU , estampando peixes . “Se che gustan os peixes , o mar, e che gustan as artes ven a coñecer o Gyotaku, unha técnica de estampaxe xaponesa realizada con peixes. Trátase de vivir unha experiencia creativa e divertida, recoñecer distintas especie mariñas e rexistralas en papel “

Obradoiro gratuito para persoas de 12 a 30 anos enmarcado no programa de ocio Nocturnia
Consulta calquera cousa que precises a través do correo 
electrónico nocturniacoruna@gmail.com


mércores, 6 de decembro de 2017

A nosa experiencia na Culturgal 2017, PARTE II



Os micro-talleres foron unha maneira de levar o tallerdepolo á Culturgal e facer da feira unha experiencia divertida e dinámica para nós, e ao tempo facer visible o noso traballo diario. Démoslle promoción ao fanzine dos peques Pequeno Mundo, un duro e intenso traballo de meses que foi unha boa vivencia para todxs as participantes e que abandeira o tallerdepolo como exemplo de construción individual e conxunta.

 O domingo foi o dia máis movido, con maior numero de público asistente e xa tiñamos fans :) para o noso micro-taller de colaxe cort.arte, no que xogabamos a mesturar obras de artistas coñecidos.
Aquí vai unha mostra en imaxes do acontecido ... gracias artistas por compartir con nos!



























Sin dúbida unha experiencia recomendable a visita e/ou participación na Culturgal, moitos proxectos interesantes en Galicia aínda por coñecer; cultura motivante en cantidade para tódalas idades.



 
Agradecer á organización o seu bo facer e xs compañeiras de feira a súa
amabilidade e bo facer  pola cultura galega!