xoves, 19 de setembro de 2013

visitando museos


museos de arte


sempre recomendo visitar museos de arte; de arte antiga, moderna e, por suposto, museos de arte contemporánea. O cal non quere dicir que non sexa crítica con estes lugares elixidos para exportar o que debemos entender como “o mellor” ou “máis representativo” do mundo da arte. Recomendo visitar museos de arte (como de calquera outra disciplina ; etnográficos, relixiosos, artesáns, etc) sempre cun ollo atento, tratando de ver máis alá, buscando e analizando a información que se nos ofrece e a que se deixa de dar...
Para min, como creadora de pezas que estimo e apaixoada das artes, é moi importante a colocación e accesibilidade das obras expostas, a iluminación e intencionalidade con que se colocan; a relación que se pode establecer entre a peza e o observador. E tamén a relación cas outras pezas que forman a exposición. Por suposto, unha información axeitada que relacione as distintas obras, enmarque o momento histórico e nos conte intencionalidades da autora ou autor pero deixando espazo para a liberdade da/o visitante: liberdade para que xurdan interpretacións persoais sen prexuízos á hora de conectar, ou non, ca peza en cuestión.

Xa son moitos os museos por min visitados, colecciono visitas e, ás veces, visito sen moitas ganas. Non é bo visitar exposicións se un non ten realmente interese no que vai a ver: a arte non é unha obriga e podemos disfrutala tamén de moitas outras maneiras e noutros contextos menos formais.
Se me preguntarades por que me da preguiza visitar museos diríavos que hai varias razóns: 
 
-a intencionalidade puramente mercantil de moitos museos tanto nas súas programacións como no resto da súa política divulgativa e como tamén venden educativa (presionados polas cifras de visitantes que deben acadar)

-algúns se converteron en guetos onde nos atopamos sempre as mesmas, ou un tipo claro(sospeitosamente homoxéneo) de público.

-outros son espazos tan serios que parecen máis lugares de culto, ou salas de espera médica, que lugares para a transmisión de cultura, debate, diálogo, aprendizaxe, troco, pensamento,...

-outros conteñen esa superfamosa obra que toda/o turista que se prece debe ir ver, e se converte nun corredor contrarreloxo de fotógrafas/os cos seus modelos e escaso tempo para interesarse... en cáseque nada.

-e nalgún estiven no que me sentín timada, e ata con ganas de chorar, xa sexa polo trato as obras de arte como polo trato as visitantes ou por todo un conxunto de desatinos, desatinos dende o meu punto de vista, claro.

E seguro se me esquece moito que dicir... pero iso é san e deixa moita marxe para debater, contar experiencias, preguntar e responder tranquilamente compartindo un momento no taller!





http://www.guggenheim.org/new-york
http://museotamayo.org/SS1/nosotros/


http://www.moca.org/
http://www.soumaya.com.mx/index.html
http://www.getty.edu/museum/
http://www.newmuseum.org/about
http://www.moma.org/